Monday 06 de May de 2024

Comezan as obras para a renovación da cuberta do Centro de Saúde de Lousame


Instalarase tamén un falso teito no interior, ademais de acometer tarefas de pintura no exterior e no interior do edificio

O Centro de Saúde de Lousame está en obras desde esta semana. A principal intervención no edificio, situado a carón da Casa do Concello, vai ser a renovación integral da cuberta. A anterior era xa antiga e comezaba a presentar problemas de filtracións. A nova será acometida tamén en tella, preservando a estética do edificio.

A maiores, as obras, das que se encarga a Consellería de Sanidade, inclúen varias melloras no exterior e no interior do edificio. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que supervisou o inicio dos traballos, explica que se procederá á instalación dun falso teito no interior, así como ao pintado das fachadas exteriores e das paredes do interior.

Con este proxecto, búscase manter as instalacións nunhas óptimas condicións para os usuarios dos servizos sanitarios que se prestan nelas. A renovación da cuberta e a instalación do falso teito serve para evitar problemas de humidade e para garantir un illamento térmico axeitado.